Subject: [USC-PDI] Lei de Contratos
From: Xerencia da USC
Date: Fri, 13 Jun 2008 13:20:24 +0200
To: USC-PDI@LISTAS.USC.ES

O día 30 de abril entrou en vigor a Lei 30/2007 de Contratos do Sector Público (LCSP), e como consecuencia, a USC necesita facer unha serie de adaptacións tanto no ámbito normativo como no dos procedementos para aplicar a dita norma. Con esa intención ditouse a Instrución V/2008 da Xerencia (www.usc.es/xerencia/Instrucions/2008/V_2008.htm), na que se indica a contía para a utilización dos distintos tipos de procedementos.

 

Na mesma Instrución prevíase a aprobación das Normas do procedemento negociado sen publicidade para subministracións por razón da contía (USC - Servizo de Xestión Económica - Lexislación. A citada Instrución comprende tamén un novo deseño do formulario denominado “proposta de gasto” () para contabilizar as fases orzamentarias derivadas dos contratos administrativos.

 

Non obstante as adaptacións que a USC debe facer son moito máis amplas, e entre elas destacan as seguintes:

 

  1. Creación do “perfil do contratante”. Trátase dun espazo no web no que se debe poñer toda a información das licitacións que realice a USC e que, no futuro, servirá ademais como canle de comunicación con outras administracións e permitirá realizar xestión electrónica de determinados trámites. O enderezo do perfil de contratante da USC é www.usc.es/contratacion

 

  1. Adaptación dos pregos de cláusulas administrativas particulares ás esixencias da LCSP. Neste aspecto acaba de aprobarse o prego para a adquisición de subministracións por procedemento negociado sen publicidade por razón da contía (www.usc.es/gl/servizos/sxe/pregos.html), e iranse aprobando os pregos dos demais tipos de contratos e procedementos. Estes documentos teñen a forma de “pregos-tipo” cun anexo de especificacións no que se recollerán as peculiaridades   de cada licitación e contrato. Todos os pregos estarán dispoñibles no enderezo do Servizo de Xestión Económica (www.usc.es/sxe)

 

  1. Adaptación dos distintos formularios e documentos que se deben utilizar, tamén dispoñibles no enderezo anterior.

 

  1. Unha vez aprobados os pregos de todas as modalidades de contratos, procederase á implantación do “sistema de seguimento de expedientes”, aplicación informática deseñada para clarificar e dar información dos sucesivos trámites polos que debe pasar un contrato

 

Desde a Xerencia iranse impulsando os traballos necesarios para a adaptación plena á nova Lei e divulgando os principais cambios, con independencia da formación que sexa preciso impartir ao persoal de administración e servizos e responsables académicos.

 

As consultas ou dúbidas poderán realizarse ao Servizo de Xestión Económica por teléfono ou a través do correo contratación@usc.es que estará operativo nos próximos días. Tamén se recomenda a consulta das distintas normas e documentos que se irán poñendo e actualizando na páxina web do Servizo de Xestión Económica

 

Agradecemos a colaboración e a comprensión de todos nesta adaptación complexa e importante para o cumprimento da normativa de contratación pública.

 

 

Atentamente,

 

 

 

Pedro García Moreno

Xerente da USC